Os escolares de Boiro descobren os segredos do concello a través dun conto

BOIRO> Os escolares de Boiro poderán coñecer máis de preto o funcionamento interno do concello grazas a unha nova publicación. Trátase dun conto, cun pequeno texto e ilustracións, no que se describe o día a día da institución dun xeito ameno e divulgativo. Cento cincuenta escolares asistían  á presentación de ‘Unha visita polo concello con Baia’. Da man da protagonista deste conto, os cativos achegaranse ó funcionamento da administración local. Sergio Somoza foi o encargado de adaptar o texto para facelo máis ameno. As ilustracións, obra de Rodrigo Chao, constitúen o gran atractivo desta publicación que a través da imaxe chega con máis forza ó público infantil. Esta publicación, editada polo concello, dá continuidade ós contidos curriculares que xa traballan os nenos de primaria nos centros educativos.Está previsto que tras cada visita escolar, os nenos reciban un exemplar do libro.