Arousa Norte disporá dun orzamento de preto dos 300 mil euros en 2017

    BARBANZA> Esta mañá, en sesión plenaria, procedíase á súa aprobación. Ademais de aprobar o orzamento da entidade, que ascenderá o vindeiro ano a uns 295 mil euros, na sesión analizáronse tamén as liñas de actuación da entidade, iniciada xa en agosto pasado, e que se centrarán fundamentalmente nas áreas de información, comunicación e promoción. Dende a xerencia de Arousa Norte destacouse que a oferta turística da mancomunidade estará presente nas principais citas nacionais e internacionais do sector turístico, cunha oferta diversa que poña en valor, sobre todo as calidades de produto diferenciado, experiencia única e alto valor engadido. Entre outras accións a programación de Arousa Norte para o vindeiro ano tamén inclúe a elaboración dunha axenda de eventos propia que permita ós touroperadores e profesionais do sector coñecela e poder incorporar este destino dentro da súa programación anual. Tamén se prevé a edición de diverso material informativo, como é o caso de guías de aloxamento e de servizos e restauración, entre outros.