Atropelo mortal en Noia

    NOIA> Unha veciña de Noia de 80 anos faleceu onte no Hospital Clínico de Santiago tras ser atropelada cando cruzaba a estrada comarcal 550 ó seu paso pola localidade noiesa, a poucos metros da súa casa. Manuela Antelo, veciña do lugar noiés de Eiroa, tiña 80 anos. Onte regresaba ó mediodía á súa casa camiñando desde o centro de Noia acompañada de outras dúas mulleres. Elas non cruzaron a estrada, e polo que nos contaron os veciños esta mañá, advertiron á súa amiga de que tampouco o fixera porque viñan coches. A mulelr foi atropelada onte pouco antes das dúas do mediodía nesta estrada comercal 550, á altura do cruce da Barquiña, no concello de Noia. Aínda se están a investigar as causas do tráxico atropelo que tivo lugar a poucos metros deste paso de peóns. Ata o lugar do suceso desprazáronse axentes da policía local de Noia, a Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia do 061 e un helicóptero. Debido ó estado crítico da anciá, que se atopaba inconsciente, o persoal sanitario estivo tentando reanimala sobre unha hora na propia estrada, polo que se tivo que desviar o tráfico ó quedar cortada a mesma. Ó no poder estabilizar á muller, optaron finalmente polo seu traslado ó Hospital Clínico de Santiago, onde finalmente faleceu. Os veciños da zona quedaron onte conmocionados co acontecido. O fatal suceso tivo lugar nunha recta con bastante visibilidade, e onde a velocidade está limitada a 50 quilómetros por hora. Aínda así, este é un tramo no que xa se rexistraron atropelos con anterioridade, mesmo a persoas que cruzaban polo paso de peóns. Precisamente, segundo nos conta unha veciña, un irmán da falecida perdera a vida sendo un cativo, atropelado nesta mesma estrada. As dilixencias da investigación do atropelo están sendo levadas por axentes da garda civil de tráfico.