O Boiro suma unha importante vitoria ante o Valladolid B

    BOIRO> Os de Fredi Álvarez impuxéronse por un gol a cero ó filial pucelán. O tanto foi obra do lateral Axel, ó inicio da segunda metade. Chegaba o Boiro a este partido con numerosos problemas. Ás baixas por sancións de homes importantes na zaga como é o caso de Catú e Crespo, sumóuselle a gripe, que mesmo obrigou ó corpo técnico a suspender boa parte dos adestramentos da semana. Pillado e Gonzalo foron dúbida ata última hora, aínda que finalmente puideron saír de inicio. Con estas baixas Fredi tivo que improvisar defensa. O central Borja disputou os seus primeiros minutos esta tempada facendo ademais un bo encontro. En fronte o Valladolid B. un rival complicado que está a ser un dos equipos revelación nesta liga. A primeira metade resultou bastante igualada con chegadas de perigo en ambas bandas. No cadro local destacar un centrochut de Romay que foi ben atallado polo gardameta visitante ou un tiro de Marcos Álvarez que se marchou fóra. Á volta do descanso, cando apenas levaban transcorridos uns tres minutos de xogo, chegaría o tanto do Boiro. Foi obra de Axel, que despois de superar ó seu marcador, de disparo cruzado, enviou o balón ó fondo das mallas. O tanto espoleou ó Valladolid B que se foi arriba en busca do empate. Mentres o Boiro trataba de ralentizar o xogo. A lesión do gardameta local Pato Guillén e a entrada de Rodri, foi tamén determinante. Este último convertiríase no salvador do partido por varias accións de mérito que impediron o tanto dos casteláns leoneses. O Boiro intentaba saír da presión á que estaba sendo sometido polo seu rival e dispuxo tamén de algunha que outra contra. As máis claras as de Manu Rodríguez e cano que a piques estiveron de converterse en gol. Aínda así o resultado non se movería. E os tres puntos quedaron en Barraña. Os boirenses sitúanse en postos tranquilos. Son décimo terceiros con 24 puntos. En canto ó resto de resultados dos equipos galegos nesta categoría cabe destacar as vitorias por cero goles a un do Celta B ante o Racing de Santander e a do Coruxo co Osasuna B, tamén por idéntico resultado. O Pontevedra e o Racing de Ferrol empataban co Mutilvera e o Guijuelo, respectivamente, mentres que o Somozas caía na casa ante o Tudelano por cero tantos a un.