O PP noiés destaca a boa xestión realizada nestes tres anos á fronte do goberno

NOIA> Unhas catrocentas persoas, na súa maioría militantes e simpatizantes, déronse cita onte pola noite no Coliseo Noela para asistir ó acto de presentación da candidatura do Partido Popular de Noia, na que Santiago Freire repetirá coma cabeza de lista. O acto serviu tamén para dar a coñecer ás persoas que o acompañarán na candidatura coa que o PP pretende revalidar catro anos máis a alcaldía noiesa.

O PP noiés elixiu o Coliseo Noela para a posta de longo da candidatura a escasos días do inicio da campaña electoral. Serviu para dar a coñecer a tódolos integrantes da lista, moitos dos cales repetirán das anteriores eleccións de 2015. Foi precisamente unha das caras novas da candidatura, a que ocupa o número tres da lista, Laura Salgado a encargada de presentar o acto. Tamén interviñeron varios dos actuais edís na corporación como é o caso de Julio Bustelo, Ángela Neri e Mariola López Cierto que se encargaron de repasar varias das actuacións realizadas nas distintas áreas nas que o PP tivo competencias de goberno nestes tres anos dende que accedeu á alcaldía trala moción de censura. Por último o encargado de pechar o acto foi o propio candidato que tamén fixo balance destes últimos tres anos, destacando diversas obras executadas neste tempo. Fixo referencia ás actuacións realizadas en materia de saneamento e abastecemento de auga, melloras en instalacións deportivas e colexios, sen esquecer tampouco os investimentos levados a cabo nas distintas parroquias do municipio contrapoñendo os avances realizados coa parálise vivida durante a etapa do desgoberno socialista.

Pero durante a súa intervención o candidato do PP noiés tamén falou de futuro marcándose como reto se revalida a alcaldía seguir traballando polo saneamento integral da ría, a rehabilitación do edificio da Chaínza ou a remodelación da praza de abastos, entre outras.

Comments are closed.