O BNG de Noia presenta varias propostas ós orzamentos municipais

    NOIA> Entre as prioridades, os nacionalistas piden o incremento da partida destinada a emerxencia social e o desenvolvemento de actuacións que posibiliten estender os servizos básicos a todo o municipio. A partir das propias demandas da veciñanza, o BNG noiés vén de realizar unha serie de propostas ó executivo local para que sexan incluídas nos orzamentos municipais deste ano, actualmente en fase de elaboración. Para os nacionalista volve a ser crucial o incremento das partidas de axudas a diversas entidades sociais e culturais, as de emerxencias sociais e axudas á educación, entre outras. Tamén inciden na necesidade de desenvolver unha serie de actuacións que permitan estender os servizos básicos ós diferentes núcleos poboacionais do Concello, tratando de corrixir na medida do posible o actual desequilibrio. Entre as súas prioridades, de cara a ir avanzando cara o saneamento integral do municipio, contémplanse tamén diversas actuacións, coas propostas marcadas xa no catálogo de acción recollido no actual PXOM, que podería verse complementado co Plan Único da Deputación da Coruña. Dende o BNG noiés insisten tamén na necesidade de acometer un segundo acceso á Barquiña, melloras nas rúas Castelao en Barro e na Santísima Trinidade, o acondicionamento da contorna da igrexa e cemiterio parroquial do Obre ou arranxos nas instalacións deportivas de Pontenafonso, Barro e no paseo marítimo de Noia. Outras das súas solicitudes van encamiñadas á compra do inmoble da casa da Cultura co obxectivo de levar a cabo ampliación do Museo de Laudas Gremiais de Santa María a Nova ou a construción dunhas novas instalacións para o Museo do Mar.