O TSXG confirma unha nova prórroga do segredo de sumario no caso Diana Quer

    Barbanza> A reserva sobre as actuacións que se están a realizar será ampliada ata o próximo 16 de febreiro. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de determinar unha nova prorroga do segredo de sumario no caso de Diana Quer, a moza madrileña desaparecida en estrañas circunstancias o pasado mes de agosto na Pobra do Caramiñal. Trátase da quinta vez que se produce. Nesta ocasión a prórroga será ampliada ata o próximo 18 de febreiro. Nas últimas horas varios medios de comunicación, entre eles ‘El Confidencial Digital’ fanse eco de novas pistas que supostamente están seguindo os axentes da Garda Civil que se encargan das investigacións. A maioría delas teñen o seu foco de atención posto no móbil da moza, onde ó parecer podería atoparse a foto do principal responsable da súa desaparición. Segundo publica este medio, os investigadores traballan na obtención desta imaxe, un feito que de ser posible, daría un xiro inesperado e definitivo ó caso. Dende o propio xornal dixital apuntan a que despois dun minucioso traballo, dende hai máis de tres meses, a policía científica logrou acender o móbil, o que permitiu descubrir que se fixeran entre seis e sete intentos errados de desbloqueo do terminal. A hipótese na que traballan agora os axentes é que no interior do teléfono puidera existir a fotografía onde aparece o responsable da desaparición de Diana. De aí que intentara acceder ós datos para eliminar probas,e ó non conseguilo, decidiu arroxar o teléfono ó mar, na ponte da autovía en Taragoña, lugar no que posteriormente foi atopado.