As obras entre A Lanzada e Soutullo rematarán antes do verán

    SANXENXO> Avanzan os traballos de mellora da seguridade viaria na PO 308. A senda peonil e ciclista entre A Lanzada e Soutullo estará rematada no verán, segundo asegurou esta mañá a conselleira de infraestruturas. Ethel Vázquez visitou as obras neste primeiro tramo do itinerario entre A Lanzada e Portonovo, no que a Xunta investirá case 6,5 millóns de euros.

     

    Este verán estarán rematadas as obras de mellora de seguridade viaria na PO-308, no treito entre A Lanzada e Soutullo. Segundo os cálculos da Consellería de Infraestruturas, a día de hoxe os traballos están executados nun 34%.

    Os traballos comezaron no mes de abril. O primeiro en executarse foi a pasarela de madeira paralela á praia, coa intención de facilitar os accesos e mellorar a seguridade da zona, que sobre todo no verán rexistra unha gran afluenza de turistas.

    Paralelamente, a conselleira asegurou que o seu departamento está a traballar nas outras dúas fases do proxecto, que completan o traxecto entre A Lanzada e Portonovo. Segundo os cálculos de Vázquez, a actuación podería estar totalmente rematada no 2019.

    O proxecto completo conta cun investimento de preto de 6,5 millóns de euros, e diríxese a mellorar a seguridade viaria, fomentar os desprazamentos a pé e contribuír á promoción turística da zona.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/01xaneiro/20/conselleira_visita_lanzada_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/01xaneiro/20/conselleira_visita_lanzada.mp4{/flowplayer}