#SigueOTeuInstinto, a proposta máis natural da Deputación de Pontevedra en FITUR

PONTEVEDRA> A riqueza natural da provincia de Pontevedra centrará o paso da Deputación por Fitur. O organismo provincial exporá en Madrid a súa proposta o vindeiro xoves, tendo como eixo o compromiso co desenvolvemento sostible e o medio ambiente.  Para a presidenta provincial, trátase de captar escapar do turismo de masas, ofrecendo propostas que permitan ó visitante “segui-lo seu instinto” e vivir experiencias irrepetibles.

Unha campaña que emociona, de alta calidade e que pon o foco na natureza da provicia de Pontevedra. Esta é a carta de presentación de “Sigue o teu instinto”, a proposta da Deputación de Pontevedra para conquistar Fitur na súa edición de 2020.

Despois de “Somos historias” e “Fame de experiencias”, a Deputación centra a súa campaña deste ano no medio ambiente e no seu compromiso co desenvolvemento sostible.

A presidenta apunta que con esta acción promocional o que se busca é escapar do turismo de masas.

A presentación en Fitur vai ter lugar o vindeiro xoves en Madrid. O acto estará conducido pola actriz viguesa Celia Freixeiro, protagonista do video promocional. Estará acompañada por outras personaxes públicas que actuarán de embaixadores da provincia. Entre eses embaixadores, varios deportistas de elite da provincia que, ademais, participan nunha segunda gravación complementaria elaborada pola Deputación.

A presentación da Deputación poderase seguir en streaming a través da súa páxina web e das súas redes sociais, onde convidan a participar empregando os cancelos #SigueOTeuInstinto e #DetenteEMira.

A axenda do organismo provincial en Madrid complétase ademais coa renovación dos distintivos Q de Calidade acadados polas oficinas de turismo provinciais. Será nunha gala, tamén o xoves, no palacio de Cristal de Madrid.

A isto, hai que sumar unha presentación nunha céntrica librería da capital do libro ‘María  Vinyals. A  muller  do  porvir’, de Diego Piay.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí