Compromiso por Outes esixe poder ver as actas da comisión de coordinación

    OUTES> Dende a formación apuntan a que a dita comisión é semellante á que está a ser investigada agora no concello de Valga. O voceiro de Compromiso por Outes, Manuel González, vén de presentar unha solicitude para que se poñan a disposición tódalas actas das reunións da Comisión Xeral de Coordinación de concelleiros-delegados, dende que existe como tal, incluídas as actas de mandatos anteriores. Segundo el, trátase dunha comisión semellante á que está a ser investigada actualmente no concello de Valga. Segundo el a dita comisión foi aprobada en pleno en xuño de 2015, en sesión extraordinaria. Está integrada exclusivamente polos edís do grupo municipal do Partido Popular que por cada asistencia á reunión perciben uns noventa euros. Dende Compromiso por Outes sinalan que esta situación suponlle un custe anual ó Concello dun trinta mil euros. Unha cantidade moi significativa para un municipio coma o seu que non chega ós oito mil habitantes.