A falla de acordo entre administración e sector mantén ó cerco amarrado

    PORTO DO SON> Dúas semanas despois do inicio da acampada dos cerqueiros en San Caetano, a maior parte da flota galega permanece amarrada. O conflito semella lonxe de solucionarse ante a diferenza de criterios entre administración e sector. ACERGA esixe un compromiso por escrito sobre a modificación do reparto de cotas. O Ministerio non se opón á revisión sempre que exista un acordo maioritario pero insiste en que o actual acordo estará en vigor ata o fin da campaña. A falla de acordo entre administración e sector mantén enquistado o conflito do cerco. As cento vinte embarcacións de ACERGA permanecen amarradas despois de que o goberno central rexeitara o seu ultimatum. A Asociación propuxo aceptar o intercambio de xarda por xurelo seo Ministerio de Agricultura se comprometía por escrito a modificar o reparto das cotas. O secretario xeral de Pesca, Andrés Hermida, amosou a vontade do seu departamento de revisar os criterios de reparto pero unha vez finalizada a campaña e contando cun consenso maioritario de toda a flota cantábrica. A boa disposición non é suficiente para os armadores que, din, estar cansos de promesas polo que buscan solucións reais. O reparto por tripulante e non baseado en dereitos históricos sería a única medida que faría viable a supervivencia da flota.Pola súa banda, dende a administración galega sosteñen que están a facer todo o posible para que a flota do cerco manteña a súa operatividade. A Conselleira do Mar lembra que se conseguiu un incremento da cota do dez por cento co que a flota podería chegar ata fin de ano. Sen embargo, di Rosa Quintana, incumpriuse o acordo xa que na actualidade xa se esgotaron tódalas posibilidades de pesca.