O albariño faise forte en Palma de Mallorca

    CAMBADOS> Non hai distancias que se resistan ao viño albariño. Xa hai dúas décadas que a Festa do Albariño de Cambados ten unha réplica a pequena escala en Palma de Mallorca. Na cita participan máis de medio centenar de adegas. Hoxe, tres delas recolleron na vila cambadesa os galardóns que acreditan aos seus viños como gañadores desta vixésima edición.

     

    O albariño non entende de límites xeográficos. Tanto é así que hai vinte anos que Palma de Mallorca celebra a súa propia Festa do Viño Albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas. Unha iniciativa na que participan ao redor de medio centenar de adegas.

    Como toda festa vitícola que se prece, a de Palma de Mallorca tamén entrega galardóns aos caldos escollidos como os tres mellores por un panel de cata de profesionais. Nesta vixésima edición, Liñar de Vides, de Señorío de Rubiós, Bouza de Carril, da adega do mesmo nome, e Martín Códax, da cooperativa cambadesa, compoñen o podio.

    A entrega de galardóns celebrouse no Museo do Viño cambadés. Dende este escenario, a súa directora destacou a importancia de que un territorio como Palma de Mallorca promocione así o viño albariño e toda a cultura que o rodea. Nunha festa que, ademais, conta cun importante apoio institucional.

    Para as adegas galegas participantes, as Illas Baleares en xeral e Palma de Mallorca en particular, sitúanse como mercados prioritarios nas súas exportacións dentro das fronteiras españolas.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/01xaneiro/27/entrega_premios_cambados_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/01xaneiro/27/entrega_premios_cambados.mp4{/flowplayer}