SALNÉS> A Denominación de Orixe Rías Baixas recibe estes días a visita dun grupo de catadores estadounidenses. Tras saborea-los caldos, os expertos salientan o seu aroma e a súa acidez. Os sumilleres viñeron acompañados de dous xornalistas, o que lle dará visibilidade ó noso viño no seu país.
Os sabores e aromas dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas sométense estes días ó padal destes expertos norteamericanos. Na súa viaxe, ademais de analiza-los caldos, visitan adegas e descobren a gastronomía galega.
Os cinco prescriptores norteamericanos que participan no evento tiveron a oportunidade de catar 55 viños. Tamén descubriron as características diferenciadoras do territorio da D.O., os seus métodos de produción. A actividade, que forma parte do plan de promoción da D.O. para este 2018, ten un interese mutuo.
Tras proba-los caldos, os expertos salientan o aroma, a calidade e a acidez brillante dos viños Rías Baixas. Na visita tamén están a participar dous xornalistas-bloguers estadounidenses. Coa súa presenza, os caldos gañan maior proxección e prestixio naquel país, o primeiro mercado exterior dos viños de Rías Baixas.
A D.O. exportou no pasado ano aos Estados Unidos 2,5 millóns de litros de produto dos máis de 6,4 millóns de litros producidos. Na actualidade, medio cento de adegas participan no plan de promoción específico do Consello Regulados nos Estados Unidos.