RIBADUMIA > A semana pasada recolliamos o problema que sofren os veciños dun edificio de Ribadumia. A Consellería de Economía e Facenda reclámalles o imposto de transmisións patrimoniais ós propietarios das vivendas, que son de protección oficial. Con eles reuniuse o responsable no Parlamento de relacións co Salnés, Bieito Lobeira quen, asegurou que o problema deriva dun plan do anterior goberno popular e que ó caso destes veciños pronto haberá que engadir outros novos.
Na súa reunión cos veciños de Barrantes ós que a Consellería de Facenda obriga agora a pagar o imposto de transmisións patrimoniais das súas vivendas, Bieito Lobeira comentou que toda a problemática deriva do plan de hipoteca xove posto en marcha polo anterior goberno autonómico.
Lobeira trasladoulles o seu compromiso de intermediar no parlamento para que se lles dean explicacións e os afectados poidan entender as razóns dun problema que cualificou de ‘engano colectivo’ e no que traballan en dar unha solución.
O tema foi tratado tamén no programa Pleno Aberto. O director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino, lembrou que a decisión de non equiparar as condicións da vivenda de promoción oficial á autonómica está recurrida. Se ben non exime ós afectados de paga-lo que se lles reclama.
Pino tamén recordou que o seu goberno ven de equipara-los dereitos das vivendas de protección oficial ás autonómicas polo que a partir de agora ningunha pagará o impostos de transmisións patrimoniais e de actos xurídicos documentados.
Redacción Salnés