O CD Boiro métese novamente en problemas

    BOIRO> Os boirenses caen pola mínima en Barraña ante o Tudelano e caen a zona de promoción de descenso. O Tudelano foi quen de levarse onte domingo os tres puntos do Municipal de Barraña ante un Boiro que o intentou, pero que lle faltou novamente a pegada. Os boirenses suman a súa segunda derrota consecutiva, colocándose na zona perigosa da clasificación. Os navarros basearon a vitoria nun gran traballo defensivo. Os xogadores visitantes maniataron ós homes de creación do Boiro en mediocampo. A pesar de ter o balón, faltaron as ocasións. Aínda así as máis claras na primeira metade foron para o Boiro por mediación de Rubén Rivera ou Cano. Á volta do descanso, máis do mesmo. O Boiro tiña a posesión, pero sen crearlle moito perigo á zaga visitante. No minuto 75 chegaría a xogada que determinaría o resultado final. Unha mala saída de balón dende portería propiciou un centro dende a banda que foi moi ben aproveitado por Ion Vélez. De aí ata o final os de Fredi seguírono intentanto pero sen sorte. A mellor ocasión do Boiro nas mans de Manu Rodríguez. Un remate seu foi atallado in extremis polo porteiro visitante cando na grada xa cantaban o empate. A perda destes tres puntos volve a levar ó Boiro ós postos de perigo na táboa clasificatoria. Son décimo sextos con 24 puntos, en zona de promoción de descenso. Polo que respecta ó resto de equipos galegos nesta categoría nova derrota para un Somozas que caía na casa ante o líder do grupo, a Cultural Leonesa por cero goles a dous. O Coxuxo empataba a uns coa Ponferradina. Idéntico resultado que o colleitado polo Racing de Ferrol ante o Racing de Santander. O Pontevedra e o Celta B non pasaban do empate a cero ante o Palencia e o Izarra respectivamente.