RIBEIRA> Dous barbanzáns figuran na lista de ‘Avogacía polo Cambio’, a candidatura alternativa que se presenta ás eleccións do Colexio de Avogados da Coruña. Os obxectivos desta lista, encabezada por María José Almodóvar, pasan pola renovación dos órganos na busca de mellores condicións para os letrados e a creación dun estatuto propio.
A boirense Soledad Vázquez e o ribeirense Juan Folgar forman parte da candidatura de ‘Avogacía polo Cambio’ que concorrerá ás eleccións do Colexio de Avogados da Coruña o vindeiro 12 de marzo. Esta lista encabezada pola candidata a decana María José Almodóvar, e que completan Ama María Gil, Juan Manuel Segura e Laura Rivas, propón unha alternativa á candidatura oficial que actualmente ocupa a xunta do goberno.
Coa renovación como lema destaca entre os seus principais obxectivos a creación dun Estatuto dos Avogados da quenda de oficio que a dia de hoxe carecen dun regulamento xurídico que defina os seus dereitos e obrigas. Xunto coa liña central do seu programa, perseguen outras melloras para o exercicio da profesión como o paso das mutualidades ó RETA en igualdade de condicións.
Apostan tamén polo fomento dunha formación continua accesible, a transparencia na xestión ou o impulso das delegacións dos pobos máis pequenos para que dispoñan dos mesmos medios e servizos que as cidades.
As votacións presenciais en Ribeira poderán realizarse en horario de nove a unha nunha sala habilitada no xulgado.











