Actos relixiosos e un programa para mozos integran o cartel da Semana Santa de Ribeira

RIBEIRA> Ribeira acollerá ata o próximo domingo un amplo programa de actos relixiosos con especial protagonismo da procesión do paso, a celebración da paixón e a vixilia pascual.

O domingo ás 10 arrancará o calendario litúrxico coa Bendición de Ramos e posterior Procesión da Borriquiña. Dará paso ós primeiros días da Semana Santa, luns, martes e mércores nos que a parroquia de Santa uxía organizou actividades de acompañamento ós maiores a través de voluntarios así como as celebracións penitenciais en tódalas parroquias. O Xoves Santo comezarán os actos principais coa celebración da Santa Cea a a procesión do Paso na que participarán máis de 80 cofrades, en colaboración coa asociación Alfaia e as Amas de Casa de Ribeira.

O venres comezará co vía crucis e a celebración da Paixón do Noso Señor para concluír co desencravo e a procesión do Santo Enterro. Xa o sábado celebrarase por todo o alto a vixilia pascual previa ó domingo de resurrección.

En paralelo ó calendario de actos,  dende a parroquia de Santa Uxía desenvolverán diversas actividades para mozos no marco da Semana Santa Xuvenil con saídas, charlas e reunións a cargo de dous seminaristas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí