VILAGARCÍA> O sector do mar volve dar a voz de alarma pola situación na que se atopa a ría de Arousa. Desta volta, poñen sobre a mesa os datos sobre a produción marisqueira. As cifras dos últimos 21 anos demostran a súa evolución negativa. Por iso, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa esixe á Consellería do Mar actuacións firmes e serias para devolver a riqueza á ría.
A evolución dos datos nos últimos 21 anos confirma o que o sector do mar leva tempo denunciando. O futuro para a produción marisqueira da ría de Arousa é, cando menos, preocupante.
Confrarías, asociacións de bateeiros e representantes doutros colectivos do sector compareceron hoxe encabezados pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Demandan da Consellería do Mar unha resposta firme e seria que free este deterioro.
Os problemas chegan a todas as especies que antes se atopaban na ría. As confrarias alertan da alta mortaldade e escaseza da ameixa fina, rubia e babosa e do berberecho.
Tamén notaron unha caída progresiva da cría en pedra dende o sector bateeiro. Aseguran, ademais, que o mexillón ten problemas de agarre nas cordas das bateas.
Dende o sector advirten que non desbotan recorrer a medidas de presión para chamar a atención sobre o deterioro da ría de Arousa e reclamar solucións. Iso si, son partidarios de agardar a que pasen as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.