BOIRO> Foi un proceso duro, que agora, intenta asimilar da mellor forma posible. Primeiro tomouno con fonda tristura e tamén con rabia, pero agora di estar contenta, porque a xustiza ó final lle deu a razón, arquivando a denuncia presentada polo concello de Boiro contra ela por un presunto delito de prevaricación administrativa.
Sabela reafírmase en que non fixo nada malo. Só defender a un grupo de mulleres vulnerables que acudiron a ela na busca de axuda por un problema que había, e que, segundo ela, segue habendo dentro do propio servizo do CIM.
Di que o volvería a facer, non entendendo o trato discriminatorio dado polo Concello contra elas e tamén contra ela.
Agora, co seu avogado, estuda a posibilidade de emprender accións legais contra o Concello, polos danos e prexuízos que todo o proceso desta denuncia, que considera sen sentido e innecesaria, provocou nela.
Agarda que todo este proceso lle axude tamén na súa carreira persoal e profesional, de feito xa iniciou a súa tese de doutoramento, que abordará precisamente o tema da violencia institucional, un delito que, segundo ela, garda moita relación co da violencia de xénero.











