O PSOE denuncia a pasividade do goberno ante as obras ilegais

    xosevicenteurbanismo_100_071106.jpgRIBEIRA > O PSOE de Ribeira fíxose eco das inquedanzas dos veciños en materia urbanística …

    … ante o gran incremento da construcción nos últimos anos.

    O voceiro dos socialistas ribeireses, Xosé Vicente Domínguez, considera que o plan urbanístico aprobado no 2002 constitúe unha auténtica ‘desfeita’ xa que, na actualidade, non se axustaría a ninguna das leis do solo aprobadas posteriormente. Para o PSOE, este documento redactouse co obxectivo de favorecer a ‘un par de familias da vila’ e agora se están a ver os nefastos resultados da súa aplicación no crecemento urbanístico do municipio.

    Co fin de orientar ós veciños para que non sexan vítimas dos especuladores, o voceiro socialista insta ó goberno municipal a instalar unha serie de oficinas de información nas parroquias.

    Ademais de criticar a demora do goberno na tramitación de licenzas urbanísticas, os socialistas denuncian a súa pasividade ante as obras ilegais. Peches que invaden a vía pública, edificios con máis alturas do permitido e todo tipo de actuacións que non se axustan á legalidade e que, segundo os socialistas, estanse a executar sen que o concello as paralice.

    Falta de limpeza

    Outra das principais demandas do PSOE é que se mellore a limpeza das rúas e demais espazos públicos posto que, na actualidade, existen zonas en pleno casco urbano nas que se acumulan restos de lixo e maleza co consecuente prexuízo para a saúde pública e a estética da cidade.

    Existindo actuacións tan urxentes, Xosé Vicente Domínguez considera ‘insultante’ que se priorice a remodelación da praza do concello na que se investirán catrocentos mil euros, en lugar de acometer melloras máis necesarias para os veciños.

    Dende o partido socialista consideran que Ribeira estase a converter nun exemplo de feísmo urbanístico e suciedade polo que é preciso emprender accións que corrixan esta crecente tendencia. Por este motivo, levan intentando levar a pleno unha moción sobre este problema dende o pasado dezaseis de novembro, sen que ata o momento o goberno a tomara en consideración.

    Redacción Barbanza