RIBEIRA> AMICOS pechou o seu Campo de Voluntariado Xuvenil cunha xornada de convivencia no Parque Natural de Corrubedo.15 mozos participaron nesta iniciativa que combina a conservación do medio ambiente coa educación en valores e o respecto á diversidade.
A directora xeral de Xuventude da Xunta participou esta mañá na xornada de clausura do Campo de Voluntariado Xuvenil de Amicos. Trátase xa da sétima edición desta iniciativa na que unha quincena de mozos compartiron unha experiencia baseada na convivencia, a inclusión e o compromiso ambiental. Ó longo de dúas semanas, os participantes realizaron diversas accións de conservación ambiental en espazos da Rede Natura, recollida de lixo mariño ou eliminación de especies invasoras.
Máis aló da vertente medioambiental, os participantes neste campo, nos que conviviron persoas con e sen discapacidade intelectual, destacaron a importancia dos valores que promove como o respecto á diversidade, a inclusión social e a participación activa dos mozos na comunidade.
Este campo enmárcase na Campaña Modo Verán Activo que pon en marcha a Xunta de Galicia co obxectivo de favorecer a conciliación das familias a través dunha oferta de ocio xuvenil. A campaña bate esta ano récord de participación con preto de 12 mil prazas ofertadas nas diversas modalidades de campamento.











