Medio Ambiente non recepcionará a EDAR de Ribeira ata que non se constate o seu correcto funcionamento

    RIBEIRA> Asi llo trasladou a titular deste departamento, Beatriz Mato, a unha representación de veciños afectados que se reuniu con ela no Concello. O alcalde, Manuel Ruíz, valorou moi positivamente o encontro celebrado no día de onte no Concello, ó que asitiron, ademais dos veciños afectados, representantes de tódolos grupos políticos con representación na corporación municipal. Segundo el a xuntanza serviu para limar asperezas entre tódalas partes implicadas, de cara a busca dunha solución ós problemas dos cheiros e os vertidos detectados dende a posta en funcionamento da nova EDAR. Ruíz Rivas aludiu ó compromiso da propia conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato de non recepcionar a obra ata que non se constate o seu bo e correcto funcionamento. Pero o rexedor tamén se referiu a outros compromisos adquiridos nesa reunión, neste caso polo propio Concello. Dende o Concello tamén se incidíu en que se actuará sempre coa maior transparencia, trasladándolle a máxima información posible ós veciños afectados. Neste sentido está prevista unha nova xuntanza no mes de abril na que se comunicarán os avances técnicos a realizar de cara a busca dunha solución ós problemas detectados. COMUNICADO VECIÑOS AFECTADOS Dende o punto de vista dos veciños afectados os froitos da reunión non foron moitos, xa que dende a Administración non lle ofreceron ningún diagnóstico claro do que está a ocorrer coa EDAR. Aínda así, quixeron agradecer a actitude cordial e dialogante da Conselleira, Beatriz Mato, que contrasta segundo eles, co ninguneo, o desprezo e mesmo a belixerancia mostrados polas distintas administracións cara os veciños afectados ata este momento. Os técnicos atribuíron os problemas á complexidade do sistema escollido, á entrada de auga salgada no sistema nalgúns puntos, e á presenza de augas industriais nos colectores destinados ás augas domésticas, presenza que segundo eles xa está resolta. Recoñecen, tamén, que o aliviadoiro do río Listres-Paxariños require unha solución distinta da ofrecida, e aínda que non precisaron cal é exactamente a opción que barallan para resolver o problema, comprometéronse a buscar unha solución. Os veciños puxeron tamén sobre a mesa, a situación do emisario do Touro, por onde saen todos os residuos do polígono industrial, nunhas condicións que pensan incumpren os parámetros requiridos, reclamando unha vixilancia permanente do cumprimento da normativa, un labor de control que, segundo eles, lle compete ás Administracións, que son as que teñen que garantir que os vertidos non van danar a ría. Con relación ós camións que nos últimos días están trafegando lodos nos distintos tanques de tormenta, segundo os técnicos trátase dunha actividade normal que se repite semanalmente. Unha información que contrasta co feito de que ata o momento ningún dos veciños próximos aos tanques tiñan observado esa actividade. A pesar da nosa insistencia en preguntar a onde se trasladaban eses lodos unha vez retirados do sistema, limitáronse a dicir que son levados a un punto de tratamento autorizado, negándose a precisar onde se encontra o mesmo. Outra das preguntas que quedaron sen resposta foi a referida ao número de alivios realizados durante os últimos meses. No proxecto recóllese que só se realizarán alivios en determinadas condicións de pluviosidade, e que os alivios non excederán duns dez ao ano. A pesar diso, durante os últimos seis meses, e aínda tratándose precisamente dun período extraordinariamente seco, producíronse xa máis alivios dos previstos (20 nalgún punto, segundo os propios técnicos). Desde a Consellería comprometéronse a facilitarlles un diagnóstico da situación en canto o teñan, e a mantelos informados dos pasos que se vaian dando. A súa previsión é que cara o mes de xuño teñen previsto ter definidas as actuacións que hai que levar a cabo nos tanques de tormenta. Pola súa parte os veciños, responsabilízanse coma cidadanía afectada de manterse vixiantes, de informar ás autoridades competentes e seguir facendo públicas todas as irregularidades relacionadas co funcionamento da EDAR, e de seguir loitando para que haxa o antes posible unha solución integral e duradeira para o saneamento de Ribeira. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/21/propostas_medioambiente_edar_ribeira2102171.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/21/propostas_medioambiente_edar_ribeira210217.mp4{/flowplayer}