O executivo noiés convocará un concurso de ideas para rehabilitar a Chaínza

    NOIA> A idea pasa por converter as antigas naves da curtiduría nun espazo de usos socioculturais e turísticos. Foi no ano 2010, cando os catro edificios que conformaban a antiga fábrica de curtidos da Chaínza pasaron a ser de titularidade municipal, previo pago dunha cantidade que se achegou no seu total ós 318 mil euros. Trátase dun espazo situado nun enclave privilexiado pero sobre o que cómpre actuar debido ó estado ruinoso no que se atopa na actualidade. A idea do Concello é recupéralo para usos socioculturais e turísticos. Por esta razón está previsto convocar en breve un concurso de ideas para definir o proxecto de rehabilitación e un plan de usos. O Concello está facendo ademais as xestións oportunas de cara a conseguir financiamento para poder desenvolver este proxecto, ben a través de fondos europeos coa nova convocatoria dos GALP ben a través doutras Administracións. Neste sentido traballa xa tamén na solicitude dun novo obradoiro de emprego compartido co concello de Lousame para poder desenvolver a mellora dese entorno.