O BNG de Ribeira faise eco das demandas da ANPA do CEIP Frións para mellorar o centro

RIBEIRA> O BNG de Ribeira recolleu as demandas formuladas pola ANPA do CEIP de Frións para mellorar as instalacions do centro. Entre outras acutacións, demandan a construción dun patio cuberto ou a colocación dunha marquesiña para os usuarios do transporte escolar xa que actualmente só hai unha, insuficiente para abrigar a tódolos alumnos.

Non se trata de demandas novas senón que a comunidade educativa do CEIP de Frións leva anos pedindo unha serie de melloras. Melloras que agora o BNG vén de recoller nunha moción solicitando ó goberno a adopción dun acordo que permita acometer estas actuacións que non serían moi custosas. Piden a colocación dunha marquesiña adicional no exterior do centro posto que na actualidade exista só unha para dar servizo ós 110 usuarios do transporte escolar. Tamén demandan que se cubra a pasarela de acceso ó interior do centro.

O centro carece de pavillón deportivo polo que solicitan tamén a creación dun patio cuberto para os recreos ou as clases de educación física.

Por último, demandan unha reorganización do espazo interior para dar un servizo completo de comedor. Na actualidade, impártese en dúas quendas ó carecer de instalacións suficientes para agrupar ós máis de cincuenta usuarios do servizo.