POBRA> A Garda Civil desartellou un punto de venda de drogas na Pobra. Foi no marco da denominada operación ‘Lagapete’.
O operativo realizado saldouse coa detención de dúas persoas e a incautación de gran cantidade de substancias estupefacientes, cun valor total no mercado duns mil trescentos euros.
Os detidos son un home e unha muller que son parella, de 53 e 51 anos respectivamente, ós que se lles acusa dun delito de tráfico de drogas.
A operación foi froito das investigacións realizadas nas últimas semanas e que propiciou tamén varios comisos a persoas que acudían ó domicilio dos detidos a comprar substancias estupefacientes, razón pola que tamén foron denunciados.
A Garda Civil dá por desartellado este punto importante de venda e distribución de droga na localidade.
Os dous prendidos xa foron postos a disposición xudicial no Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira.