RIBEIRA> A parroquia de Palmeira, en Ribeira, sufrirá unha profunda transformación nos próximos anos. O concello acometerá a humanización da contorna da estrada AC-305 que divide o núcleo de poboación. Traballa ademais na remodelación do espazo portuario e a construción de dous novos paseos marítimos.
O proxecto de humanización do núcleo de Palmeira é froito do intenso traballo desenvolvido nos últimos meses pola Fundación Ría que dirixe o arquitecto David Chipperfield. O seu obxectivo é converter a principal vía que atravesa o casco urbano nun espazo de comunicación aumentando as zonas verdes e os espazos para os peóns.
A intención do concello é concluír o proxecto ó longo de 2019 co obxectivo de poder iniciar as obras a finais de ano ou principios de 2020. Suporá un investimento de máis de dous millóns de euros que contarán co cofinanciamento da Xunta de Galicia.
Ademais deste gran proxecto o concello acometerá tres obras máis de gran calado na parroquia: a remodelación da zona portuaria e a construción de dous paseos marítimos dende a Corna ata o Esteirón e entre A Cambra e Insuela.