LOUSAME> Tras quince días parados, o sector da construción vai volvendo pouco a pouco á normalidade. É o caso de Construcciones José Barreiro, de Lousame, que retomaba a actividade esta semana. Menos persoal e máis medidas de protección son a tónica dominante nestas primeiras xornadas de traballo
Pouco a pouco. Así é como está a ser a volta ó traballo na maior parte dos sectores non esenciais que permaneceron parados durante as últimas dúas semanas. No caso da construción, tan só se retomarán as obras que non afecten a vivendas habitadas. Unha medida que Construcciones José Barreiro, de Lousame, xa adoptara de maneira voluntaria antes da prohibición.
Polo momento, tan só están a traballar os responsables da empresa e en función da evolución irán incorporando máis persoal. O obxectivo é garantir as medidas de precaución nun sector no que non é doado manter a distancia de seguridade e obter equipos de protección que deben renovar a diario.
Así as cousas, os responsables da empresa non vislumbran un futuro claro. Todo dependerá das consecuencias económicas desta grave crise sanitaria da que agardan saír canto antes.