Nova polémica no concello da Pobra

    POBRA> Polémica no concello da Pobra do Caramiñal tralos dous plenos celebrados esta semana para a aprobación do destino dos fondos do Plan Único da Deputación, A oposición criticou que o plan se aprobase a 28 horas de rematar o prazo, e chegou a pedir unha moción de confianza ó goberno local de Nós Pobra. Ó igual que acontecera no polémico pleno do ano pasado sobre este mesmo asunto, o aproveitamente dos fondos provinciais volve convulsionar o concello pobrense. Dous plenos en menos de 24 horas. Un o mércores pola noite, e outro onte ás dez da mañá. As dúas sesións foron necesarias para que o concello da Pobra aprobase definitivamente o destino dos 600.000 euros que o Plan Único da Deputación aporta a este municipio. A oposición coincide nas críticas ó goberno, ó que acusa de deixar para último momento as cantidades asignadas para cada proposta. A oposición criticou tamén que as inversións sometidas a debate cambiaran respecto das expostas ós partidos a semana anterior, e que a convocatoria para o pleno tivo lugar con cinco horas de antelación. O BNG afirma nun comunicado que votou favorablemente, no segundo dos plenos, as propostas do goberno, a pesar de ser mellorables, para non poñer en perigo o financiamento da Deputación. Aseguran que este grupo municipal non vai responsabilizarse nunca máis dos erros que afirman que comete o goberno de Nós Pobra. Cun ambiente cada vez máis crispado no concello, o Partido Popular suxeriu a Nós Pobra que presente unha moción de confianza, e o BNG invitou ó mandatario a asumir o seu papel, ou pola contra dimitir. Finalmente os 600.000 euros do Plan único, ademáis de para sufragar gasto corrente, irán destinados á redacción dos proxectos que prevé acometer e a amortización da débeda. En canto ás obras que se van realizar, están a mellora do aparcadoiro do campo de Futbol de Cadreche, do pavimento ó acceso sur do polígono, e a adecuación da rede de saneamento no Campiño, e no colexio de Cadreche.