O delegado provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Jacinto Parga, visitou esta mañá o concello de Boiro para atende-las principais demandas efectuadas polo executivo local sobre as necesidades do concello. O representante autonómico comprometeuse a estuda-lo proxecto de construción dunha nova ponte sobre o Río Coroño, posto que a actual atópase case en fase de derrube. Jacinto Parga destacou o carácter urxente que supón esta actuación posto que a ponte do Río Coroño constitúe o nexo de unión entre diferentes núcleos rurais. De ahí a rapidez con que o delegado provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes atendeu as demandas do concello boirés para estuda-la viabilidade dos proxectos presentados. A execución da nova ponte do río Coroño suporía un investimento próximo ós 100.000 euros. Neste sentido, o representante da Xunta comprometeuse a busca-la financiación para poder levar a cabo un proxecto vital para os boireses. Os membros do goberno local aproveitaron a reunión para presentar outras actuacións necesarias para o municipio como a construción de beirarrúas de Cespón a Ponte Beluso, sobre a que Parga tamén amosou o seu interese. Tanto o alcalde, Xosé Deira, como os tenentes de alcalde, Xoán Xesús Ares e Manuel Velo, agradeceron a visita do delegado que amosa a preocupación da Xunta de Galicia polo concello de Boiro, esta situación vén a paliar, segundo o rexedor boirés, a situación de abandono á que o anterior goberno autonómico do PP tiña sometido ó municipio boirés. Redacción Barbanza
Inicio Barbanza - Muros - Noia