A Deputación da Coruña apoia o proxecto de muralismo ‘Viladomar’ de Rianxo

RIANXO> O vicepresidente da Deputación da Coruña desprazouse ata Rianxo para coñecer algúns dos murais urbanos elaborados no marco do Festival Vildomar. Esta cita cultural, que conta co apoio do ente provincial, busca poñer en valor o muralismo de artistas galegos ó tempo que se recuperan espazos degradados en todo o termo municipal.

Unha vintena de murais de gran formato decoran diversos espazos de Rianxo grazas á plataforma artística Viladomar que hai seis anos poñía en marcha o proxecto ‘Máis alá dos muros’ coa fin de recuperar espazos que se atopaban bastante degradados con intervencións artísticas.

Este ano, xa está en marcha unha nova edición que volverá contar co apoio da Deputación da Coruña que ve, neste tipo de iniciativas, un impulso ó turismo a través dos recursos culturais poñendo en valor o potencial artístico dos creadores galegos.

Esta iniciativa xurdiu no ano 2018 da man dun proxecto piloto promovido polos artistas Novenoel e Lara Torres co apoio da asociación cultural Ondiñas Mainas. O obxectivo é potenciar o muralismo e axudar á proxección de artistas locais emerxentes.