100 quilómetros en 24 horas

    NOIA> Esta mañá presentouse en Noia a cuarta edición do “International Trekkers”. A primeira proba de Ultrafondo de Galicia que percorrerá 100 quilómetros en 24 horas os próximos 24 e 25 de xuño. Ó acto asistiron representantes dos sete concellos das comarcas do Barbanza e Noia que participan no evento. 100 quilómetros en 24 horas. 7 concellos. 26 parroquias. 10 puntos de avituallamento. 300 inscritos de todo o Estado e parte do estranxeiro. 24 e 25 de xuño. Son as cifras de vertixe da cuarta edición da Ultra andaina “Os 100 dos International Trekkers”. Considerada unha das máis esixentes das realizadas ata agora e un referente na ultradistancia en Galicia, e que este ano parte e remata en Noia. Partirá de Noia o 24 de xuño, e percorrerá A Pobra, Ribeira, Boiro, Rianxo, Porto do Son e Lousame. Por iso, representantes deste concellos presenciaron orgullosos esta mañá en Noia o vídeo de presentación do circuito, no que participa tamén Arousa Norte. A novidade principal este ano é a xeolocalización. Tanto por seguridade como por loxística, tódolos participantes contarán cun dispositivo para estar localizados, tanto polo día como pola noite. O director salientou que nesta proba o obxectivo non é gañar, senón chegar. Para os valentes interesados, o prazo de inscrición está aberto . O custe é de 50 euros ata finais deste mes, logo pasará a 75. Teñen máis información na páxina do Club Deportivo INternational Trekkers Barbanza Sar, www.itrekkers.org.