Cáritas Ribeira acorda pechar o comedor social

    RIBEIRA> Responsables da entidade anunciaron esta mañá a nova, provocada pola decisión da empresa que subministraba gratuitamente os menús de deixar de ofrecer este servizo. Despois de cinco anos, o comedor social de Cáritas de Ribeira, na rúa Cristóbal Colón, pecha as súas portas. Esta mañá a directiva da asociación daba a coñecer a decisión ós seus socios e voluntarios, moitos dos cales viñeron colaborando neste servizo que atendía a unha media de entre trinta e corenta persoas diarias. Tamén quixeron agradecer ó restaurante Baiuca a súa colaboración nestes anos, ó ser eles os encargados de entregar de xeito altruísta os menús diarios no comedor. A maioría da xente que habitualmente empregaba o comedor social está reubicada e segue recibindo o servizo doutro xeito. Cáritas está a estudar agora diversas propostas, polo que non se descarta poder volver a reabrir o servizo nun futuro non moi lonxano.