Boiro inicia a renovación da flota de vehículos para a recollida do lixo

    BOIRO> O concello de Boiro adquiriu un novo camión de recollida do lixo para mellorar o servizo. O vehículo, valorado en máis de cento cincuenta mil euros, suporá un importante aforro tanto a nivel enerxético como de mantemento. A adquisición deste camión é tan só primeiro paso para renovar toda a flota e o servizo de recollida do lixo que xestionado na súa maior parte directamente polo concello. Trátase dun vehículo dotado da última tecnoloxía para garantir un maior aforro enerxético e reducir as emisións contaminantes. A redución dos custos de mantemento, que actualmente roldan os setenta mil euros anuais en reparación, tamén suporá un importante alivio para as arcas municipais. Ademais das vantaxes a nivel económico e medioambiental, a renovación da flota permitirá garantir o servizo de recollida en todo momento evitando os problemas que teñen ocasionado a avaría dun ou de varios camións que provocaron retrasos no baleirado dos contedores. Estes investimentos, unidos a outras actuacións acometidas polo executivo como a substitución do sistema de alumeado por un máis eficiente, enmárcase na estratexia de sustentabilidade ambiental Boiro Sostible 2030, un programa do Ministerio de Medio Ambiente ó que está adherido o concello boirense.