GALICIA> O Grove e Meis deixan o nivel alto de alerta sanitaria e pasan directamente ao de menores restricións, o medio-baixo. Así o decidiu o comité clínico na reunión mantida esta mañá. Unha xuntanza trala que dende a Consellería de Sanidade destacaron a mellora dos datos da quinta vaga, aínda que insistiron na importancia de manter as medidas de prevención.
Rianxo, Boiro e Porto do Son da área sanitaria de Santiago- Barbanza e Catoira, Caldas, Sanxenxo, Poio e Pontevedra, da de Pontevedra e O Salnés, son os concellos que quedan no nivel medio de restricións. Os demais sitúanse todos no medio-baixo, o de menor limitacións que existe na actualidade, incluíndo O Grove e Meis, que baixan directamente dende o alto.
Estes cambios afectan, sobre todo, á hostalería. Así, nos municipios de nivel medio poderán abrir co interior ao 50% e as terrazas ao 100%. No caso do ocio nocturno, pasarase ao 50% en interior e o 75% en exterior. Pola súa banda, no nivel medio baixo a hostalería poderá traballar co interior ao 75% e ao 100% en terraza, e ao 50 e 100 respectivamente no caso do ocio nocturno.
En xeral, en Galicia hai menos hospitalizados, menos casos e menos contaxios, pero as autoridades sanitarias alertan de que a transmisión segue a ser alta.
As medidas entrarán en vigor na media noite do venres ao sábado.