O BNG aposta pola implicación do sector pesqueiro na xestión da lonxa

    RIBEIRA> O BNG avoga pola incorporación do sector pesqueiro na xestión da nova lonxa de Ribeira. Así o manifestou a deputada Montse Prado en sede parlamentaria tralo anuncio dun novo concurso por parte de Portos de Galicia. A voceira de Pesca do BNG no Parlamento esixiu un modelo de xestión pública con implicación das confrarías para a lonxa de Ribeira. Montse Prado insiste na necesidade dunha interlocución real entre a administración e o sector pesqueiro para garantir a competitividade das novas instalacións. Os nacionalistas cualificaron de ‘escurantista’ o concurso inicial que acabou coa concesión á UTE Lonxa de Ribeira que plantexaba o cobro ós usuarios do tres por cento da pesca descargada fronte ó un e medio por cento da proposta inicial. Trala convocatoria nun novo procedemento, piden que non se cometan os mesmo erros. Pola súa banda, o presidente de Portos defendeu o gran esforzo inversor realizado para poñer en marcha un servizo acorde ás necesidades do primeiro porto de baixura de Europa. Na súa intervención, José Juan Durán, convidou a tódolos grupos parlamentarios a sumarse á liña de traballo proposta pola Xunta para poñer en marcha esta infraestrutura clave para os sector marítimo do Barbanza.