As Mancomunidades de Arousa únense para impulsar o Camiño a vela pola ría

SALNÉS/BARBANZA> O Camiño de Santiago por mar une máis ca nunca as dúas beiras da ría de Arousa. As Mancomunidades do Salnés e de Barbanza Arousa asinaron esta mañá un convenio para selar a súa colaboración na promoción desta ruta xacobea. Ambas entidades desenvolverán de xeito conxunto o proxecto de turismo náutico ‘Navega o Camiño’, que permitirá gañar a Compostela facendo o Camiño a vela.

A ría de Arousa foi hoxe testemuña da unión oficial entre as súas beiras norte e sur. As Mancomunidades do Salnés e de Barbanza Arousa asinaron un convenio de colaboración para potenciar unha proposta novidosa: o Camiño de Santiago a vela.

A peregrinación a vela tamén é recoñecida á súa chegada a Santiago coa Compostela. Iso si, é necesario navegar 100 millas a vela e cubrir un último treito a pé. Neste caso, dende Pontecesures.

Para as dúas mancomunidades, trátase dun acordo histórico que non entende de territorios. Non en van, son 13 os concellos arousáns que dan forma a esta proposta.

Precisamente, pasado mañá comezará o seu Camiño unha expedición a vela cara Santiago. Está previsto que gañe a Compostela o vindeiro 28 de agosto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí