A Deputación da Coruña habilitará axudas para os comuneiros afectados polos incendios

    BARBANZA> Varios deputados provinciais da Deputación da Coruña mantiveron unha xuntanza con representantes da Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza. Aínda que a reunión xa estaba prevista con anterioridade, os tristes acontecementos vividos nas pasadas semanas a consecuencia dos incendios, que afectaron en gran medida ós montes destas comunidades, propiciaron que o encontro se celebrara con maior urxencia. Os deputados Ánxela Franco, José Luís García e José Manuel Pequeño asistiron a unha reunión con representantes da Mancomunidade de Montes en Man Común Serra do Barbanza, entidade que aglutina a unhas dez asociacións de comuneiros da zona. O motivo da xuntanza non era outro que trasladarlle o apoio da Institución Provincial a estas entidades, moitas delas gravemente afectadas tralos incendios de hai varias semanas. Os deputados provinciais anunciáronlle tamén que a Deputación da Coruña estuda a creación dunha nova liña de subvencións para mancomunidades similar á que xa existe na actualidade para confrarías de pescadores, co obxectivo de apoiar a estas entidades na conservación e posta en valor dos espazos forestais e axudar así a paliar as súas mermadas economías. Dende a directiva da Mancomunidade de Montes en Man Común Serra do Barbanza volveuse a incidir na unidade como a mellor fórmula de aproveitamento dos montes, apelando tamén ó necesario cambio nas actuais políticas de prevención de incendios.