Expertos de toda Europa analizan en Noia o fenómeno do ‘euroescepticismo’

    NOIA> Noia converteuse en sede dun ambicioso proxecto no que participan unha quincena de países de toda Europa. Trátase do primeiro dos cinco encontros transnacionais que, baixo o título ‘Europa para los Ciudadanos’, analizarán o crecente fenómeno do euroescepticismo . Este proxecto, xestado na localidade siciliana de Taormina, xurde en resposta ó actual clima de euroescepticismo que ameaza á Unión Europea. A conxuntura económica e o agravamento da crise financeira volveron poñer sobre a mesa este fenómeno que acadaba a súa máxima expresión co respaldo da cidadanía británica ó Brexit. Precisamente, co obxectivo de analizar e debater este fenómeno, acaba de iniciarse este ciclo de conferencias en Noia, grazas á colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Destacados expertos da administración pero tamén representantes da sociedade civil expuxeron a súa visión sobre o actual contexto internacional así como a necesidade de avanzar cara unha Europa máis forte, unida e cohesionada.