A oposición abandona o pleno de reprobación ó alcalde polos chistes machistas

    NOIA> O rexedor volveu a incidir en que a súa intención non foi a de ofender a dignidade da muller e que as súas desafortunadas palabras foron sacadas de contexto. Este era o momento no que os representantes dos tres grupos da oposición: BNG, PSOE e Marea Cidadá, decidían abandonar ó pleno extraordinario que eles mesmos solicitaron coa finalidade de reprobar ó alcalde, Santiago Freire, polas súas polémicas declaracións nun acto organizado polo Concello o pasado 8 de Marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller. Un abandono que eles mesmos xustificaban nas palabras do rexedor que chegou a responsabilizalos da repercusión mediática suscitada por este asunto e pola mala imaxe que se deu de Noia. Algo que non podían consentir. Na súa intervención no pleno o alcalde, Santiago Freire, volveu a incidir en que a súa intención non foi a de menospreciar a figura da muller e que as súas verbas nese acto foron sacadas de contexto. Dende o NO.I.A, formación coa que os populares comparten grupo de goberno, recoñeceron que as palabras do rexedor foron desafortunadas pero que toda a polémica suscitada posteriormente parécelle inxustificada. Finalmente e como se agardaba a solicitude de reprobación do alcalde foi rexeitada, grazas ós votos en contra do equipo de goberno, formado por Partido Popular e NO.I.A. Iso si, coa ausencia xa dos grupos da oposición que no momento da votación xa decidiran abandonar a sesión.