A confraría de Carril envía á Consellería do Mar as trece dimisións

    VILAGARCÍA> O patrón maior de Carril anunciaba que hoxe enviarían á Consellería do Mar as trece dimisións dos membros da Xunta Xeral do pósito. O goberno autonómico terá un prazo de quince días para nomear unha xestora que prepare as eleccións. Na súa comparecencia, José Luis Villanueva advertía da parálise na que quedará a confraría, poñendo en perigo importantes proxectos. A crise na confraría de Carril desatábase a semana pasada. Seis directivas de marisqueo a pé foron as primeiras que presentaron a súa dimisión. Alegaron falta de entendemento co patrón. O principal motivo de disputa foi, segundo José Luis Villanueva, a negativa a investir na creación dun camiño á Fangueira. A pesares dos intentos, Villanueva non foi quen de facelas recapacitar. Pronto a estas dimisións sumáronse outras sete de membros da Xunta Xeral. Todas elas ían trasladarse xa á Consellería do Mar, que conta cun prazo de quince días para nomear unha xestora. Segundo Villanueva, esta situación vai provocar unha importante parálise nos proxectos da confraría. Así as cousas, xa pensa en volver presentarse nos vindeiros comicios para retomar o traballo. A compra de semente, un proxecto de vixilancia para a confraría ou estreitar a colaboración coa Agrupación de Parquistas son algúns dos proxectos que, segundo Villanueva, quedarán paralizados á espera de definir o futuro do pósito. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/15/crise_confraria_carril_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/15/crise_confraria_carril.mp4{/flowplayer}