CAMBADOS> 10 estudantes de 4 da Eso do colexio Salesianos de Cambados gañan o premio á innovación, tanto do xurado como do público, na Maker Faire en Santiago. Os mozos e mozas conseguírono grazas a crear un brazo metálico que funciona de forma inalámbrica. Para construílo e deseñalo tiveron que aprender diferentes campos como o deseño en 3D, conexións eléctricas ou programación.
Son 10 alumnos de 4 da ESO do instituto Salesianos de Cambados pero xa teñen á comunidade científica pendente de eles. O motivo deste interese, é que estes mozos e mozas crearon nas clases de tecnoloxía un brazo robótico que se move de forma inalámbrica replicando os movementos feitos a través dun guante.
A creación do brazo robótico foi escollido por eles mesmos para pechar a sinatura de tecnoloxía. Dende o centro propuxéronlles participar co proxecto na Maker Faire de Santiago, unha feira de innovación, co que o alumnado tivo que poñerse as pilas e aumentar os seus coñecementos en numerosos campos.
Os estudantes participaron na Maker Faire co seu proxecto e ademais expuxeron ao público e ao xurado o seu funcionamento. A innovación do seu brazo robótico e a mostra do seus coñecementos valeulles o primeiro premio tanto do xurado como do público.
Dende o centro destacan as ganas postas polo alumnado e a súa dispoñibilidade para estudar materias que exceden os niveis de ensinanza da Eso. Pero o que máis destaca o seu mestre é o traballo en equipo.
Trala experiencia, os alumnos comezan a valorar a posibilidade de dedicarse ao sector tecnolóxico.
Segundo comentaba o seu mestre, o brazo robótico creado por estes rapaces espertou a curiosidade incluso de deseñadores profesionais. Un traballo brillante que apunta a sobresaínte.