O sector mexilloeiro aplaude a ampliación do prazo de concesión das bateas

    BOIRO> A Xunta amplía a duración das concesións das bateas ata cincuenta anos. Esta medida, á que se referiu a Conselleira do Mar nunha visita a Cabo de Cruz, dotará de maior seguridade xurídica ó sector e permitirá adaptar a normativa autonómica á estatal. A nova medida, en vigor dende o mes pasado, permitirá ós mexilloeiros manter as concesións das súas bateas por un período de cincuenta anos fronte ós trinta que contemplaba a anterior normativa. Tamén se verá incrementada a duración das concesións para os cultivos experimentais, de tres a cinco anos. A ampliación implicará, sen dúbida, unha maior seguridade xurídica non só para os acuicultores e as empresas senón tamén para os inversores no sector. Así o destacou o presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Cabo de Cruz que esta mañá exercía de anfitrión na visita da Conselleira á localidade boirense. Rosa Quintana tivo ocasión de visitar varias bateas da asociación para comprobar de primeira man o traballo que realizan os seus profesionais. Na actualidade, a entidade conta con máis dun cento de asociados e cento cincuenta e catro bateas.