SANTIAGO/BARBANZA> Na área sanitaria Santiago-Barbanza tamén continuaron hoxe as vacinacións. Foron un total de 50 persoas da residencia Los Arcángeles, no concello de Teo. 32 usuarios e 18 traballadores que recibiron a primeira dose da vacina.
A xerente da Área, Eloína Núñez, xunto coa coordinadora dos equipos de vacinación fronte á covid na zona de Santiago-Barbanza, Susana Mirás, desprazáronse ata esta residencia para supervisar o operativo, que se desenvolveu con total normalidade.
A primeira usuaria desta residencia en recibir a vacina foi Sabina Salvado, que se mostrou moi emocionada por este feito, confiando en que con ela, se poña fin dunha vez á pandemia.
Coa chegada da nova partida de vacinas, a intención da área sanitaria de Santiago-Barbanza é continuar co proceso de vacinación de xeito progresivo nos vindeiros días, co propósito de poder chegar ás doce residencias de maiores da zona ata o sábado.