O Sergas rexeita a Comandancia da Mariña para un novo centro de saúde

    VILAGARCÍA> Varapau do Servizo Galego de Saúde ao concello de Vilagarcía. Finalmente, o Sergas desbota o edificio e a parcela da Comandancia da Mariña para acoller o novo centro de saúde que reclama Ravella. Para o servizo autonómico, o sobrecusto de derrubar o edificio provoca que a opción non sexa a idónea. Dende o concello ofrécense a buscar financiamento, e ven nesta postura unha falta de vontade política da Xunta. Para o Sergas, nin a parcela nin a edificación da antiga Comandancia da Mariña son idóneas para coller un novo centro de saúde en Vilagarcía. Os técnicos que visitaran o edificio informaran de que non era apto para acoller un novo ambulatorio, pero viran posibilidades no solar. Agora, desbotan esta opción polo sobrecusto de derrubar o inmoble. Tamén polo feito de que as parcelas deben ser cedidas gratuítamente polos concellos, e esta pertence á Autoridade Portuaria. O alcalde volve referirse ao protocolo asinado no 2009 entre a Consellería de Sanidade e a Autoridade Portuaria, que poñía eses terreos a servizo da Xunta para construír un novo centro de saúde. O solar ten unha superficie de 5.000 metros cadrados, extensión difícil de igualar en Vilagarcía. Nesta decisión do Sergas, Varela ve falta de vontade política e unha nova discriminación a Vilagarcía en materia sanitaria. O rexedor tamén asegurou que, a día de hoxe, o concello aínda non recibiu o informe dos técnicos do Sergas nin a confirmación oficial desta decisión do servizo autonómico. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/15/varela_ambulatorio_villa_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/15/varela_ambulatorio_villa.mp4{/flowplayer}