Fabiola García é nomeada coma nova conselleira de Política Social

RIBEIRA> A ribeirense, ata o de agora Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, relevará neste cargo a José Manuel Rey Varela, que deixa a Xunta para optar á alcaldía de Ferrol. A ribeirense Fabiola García é a elixida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para ocupar a consellería de Política Social. Ata o de agora exercía coma Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. Con trinta e tres anos converterase na membro máis nova do Goberno Galego. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago, o seu ascenso en política foi meteórico. Da man de Manuel Ruíz, no ano 2015, incorporárase coma número dous ás listas do Partido Popular de Ribeira nas pasadas eleccións municipais nas que resultou elixida. Exerceu durante preto de dous anos coma tenente de alcalde e concelleira de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, así como Promoción e Dinamización Económica e Cultura, ata que a finais de 2016 deu o salto á Administración Autonómica. Ademais do nomeamento de Fabiola García, producíronse tamén outros cambios significativos no Goberno Galego. Entra Carmen Pomar coma conselleira de Educación, departamento ata o de agora ligado con Cultura, á fronte do cal seguirá Roman Rodríguez, que verá sumadas ademais as competencias de Turismo. José González, outro dos novos conselleiros, asume Medio Rural, e, a ata de agora titular deste Departamento, Ángeles Vázquez, pasa a Medio Ambiente, de onde sae Beatriz Mato, que pasará a ser a candidata do PP á alcaldía da Coruña.