Veciños de Araño denuncian que pasan meses sen auga nos seus fogares

    RIANXO> Uns sesenta veciños do lugar de Pousada, na parroquia rianxeira de Araño, denuncian a falta da auga nos seus fogares, sobre todo, nas épocas de seca. Un enfrontamento coa Comunidade de Montes impídelles realizar as obras que garantan o subministro de auga, aínda que contan xa co permiso de Augas de Galicia. Manuel é o presidente da Comunidade de Veciños de Pousada, aldea da parroquia rianxeira de Araño. Creouse no ano 2006, precisamente a época á que se remonta esta demanda veciñal. A traída de augas desta zona ten enfrontados ós veciños coa comunidade de montes, que se nega a que estes realicen as obras necesarias nestes terreos, coñecidos como Fonte das Barreias, para facer a captación de augas. Algo imprescindible para este grupo de veciños, xa que o manancial non subministra auga suficientes para os 16 fogares do lugar, preto de 60 persoas. Os veciños e veciñas de Pousada aseguran que non poden seguir vivindo así. O caso foi levado a Augas de Galiica, que tras analizar a situación e escoitar a ambas partes, desestimou as alegacións presentadas polos comuneiros de Araño, e impuxo unha servidume forzosa. Aínda así. Tendo a obriga legal de deixar realizar as obras, os comuneiros están retrasando o proceso facendo constantes alegacións que sempre son desestimadas. O último ó que se opuxeron, é á contía cifrada da indemnización pola expropiación forzosa dos terreos. Un equipo desta canle falou co presidente da Comunidade de Montes en Man Común do Araño, pero este preferiu non facer declaracións e así dar a coñecer a súa versión do conflito. Para os veciños, as explicacións que dan desde a comunidade para a negativa, non son.suficientes. Mentres a situación non se aclara, e aínda coa legalidade do seu lado, estes veciños levan máis de dez anos reclamando un dereito que todos temos, poder contar con auga nos seus fogares tódolos días do ano.


    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/15/vecinos_arano_traida_auga_150320171.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/15/vecinos_arano_traida_auga_15032017.mp4{/flowplayer}