RIBEIRA> Ademais da realización de limpezas exhaustivas en espazos naturais do municipio, os nacionalistas piden a programación de accións de carácter anual de sensibilización contra este problema.
Para denunciar o actual problema dos plásticos, dende o BNG apuntan a que abonda con botar unha ollada a maioría de areais, ríos ou en xeral, os espazos naturais dos que dispón o municipio. para os nacionalistas trátase dun problema de gran calado, que provoca graves ameazas e ten consecuencias negativas nos ecosistemas naturais, na flora e na fauna, pero tamén nas persoas.
Por esta razón reclámanlle ó Concello realizar un plan de limpezas de xeito periódico dos espazos naturais.
Outra das súas solicitudes pasa pola instalación de recipientes específicos para a recollida e separación de plásticos nos areais do municipio.
Por último, dende o BNG piden tamén que se programen accións, en colaboración cos centros escolares, co tecido asociativo e co sector pesqueiro do municipio, baseadas na sensibilización e na concienciación.