Gardacostas e Garda Civil comisan 2.500 quilos de sardiña en Porto do Son

PORTO DO SON> Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da consellería do Mar, e do Servizo Marítimo da Garda Civil, comisaron esta pasada madrugada en Porto do Son máis de 2.500 quilos de sardiña que carecía da documentación necesaria para garantir a súa trazabilidade. As capturas foron desembarcadas sen pesar nin declarar en lonxa por un cerqueiro que non estaba autorizado para o desembarque nese porto, e que volveu ó mar inmediatamente despois de descargar o peixe. A coordinación entre os axentes do Servizo de Gardacostas e da Garda Civil permitiu que o vehículo que cargou a mercadoría fose interceptado uns minutos despois na estrada AC-550 á altura de Boa, no concello de Noia. Toda a mercadoría requisada foille entregada ó Banco de Alimentos de Santiago.