Noia acolle unha gala solidaria en favor de Oncomet

    NOIA> O concello de Noia vólcase coa campaña en favor da biopsia líquida que está a desenvolver Oncomet. O próximo mércores celebrarase unha gala solidaria no Liceo na que participarán diversos artistas de xeito totalmente desinteresado. O Liceo de Noia servirá de escenario para esta gala solidaria que o mércores ás oito e media da tarde reunirá a varios artistas galegos. A súa colaboración desinteresada permitirá destinar tódolos fondos recadados á campaña en favor da biopsia líquida desenvolvida por Oncomet. Tamén o apoio de Noia Histórica e do artista local Pío Costa polas súas doazóns para os sorteos que se desenvolverán durante a gala. O prezo das rifas será dun euro e as es entradas pódense adquirir xa por cinco euros. Para aqueles que non poden asistir pero desexen participar habilitarase unha fila cero, á venda tamén nas oficinas de Noia Histórica ou no Coliseo Noela.