O BNG de Boiro defende a súa xestión na construción do aparcadoiro de Anegral

    BOIRO> O BNG de Boiro respostou ás críticas formuladas polo alcalde en relación ó mal estado en que deixou o anterior goberno a praza da Boqueira de ANegral. Acusan ademais ó actual goberno de querer darlle un uso privado a esta infraestrutura. O ex alcalde, Xosé Deira, defendeu a súa xestión á fronte do proxecto de construción do aparcadoiro da Boqueira de ANegral. Se ben recoñece que quedaron actuacións pendentes, considera que foi o actual goberno o que se encargou de desmantelar a instalación en lugar de executar os avais que permitirían corrixir tódalas deficiencias. Consideran os nacionalistas que a verdadeira intención do executivo é favorecer usos privados nesta contorna polo que se vén de modificar a catalogación das parcelas de carácter dotacional. Critican ademais o investimento realizado no paseo peonil de Avellaneda por consideralo innecesario e excesivo para pavimentar un treito de tan só sesenta e cinco metros. Por esta razón, presentaron un escrito no concello pedindo explicacións ó alcalde sobre os proxectos previstos nesta zona.